Getting Job

lunes, 1 de diciembre de 2014

O Marco Instrumental da Orientación Laboral. Reflexión por Rocío G.





No módulo 3 do curso achegámonos ao marco instrumental da orientación laboral, onde se fai especial fincapé nas funcións propias que temos que desenvolver como profesionais da orientación laboral.

A Intermediación Laboral

A atención ás persoas demandantes de emprego constitúa a parte esencial do traballo dos profesionais da orientación laboral.



A nosa labor é realizar unha atención individualizada, sendo quen de valorar a situación individual de cada persoa, as súas necesidades concretas para poder ofrecerlle un asesoramento adaptado enfocándonos a unha mellora das súas posibilidades de inserción laboral.




Do conxunto de persoas que atendemos algunhas presentan circunstancias que precisan dun apoio máis especializado, neste caso persoas en situación ou risco de exclusión social ou persoas con discapacidade.

É fundamental que detectemos todas as potencialidades que as persoas nestas situacións teñen, pois independentemente das circunstancias de dificultade que poden ter nese momento, non diminúen o que esa persoa posúe e pode ofrecer. 

Neste caso é preciso detectar e ofrecer cantos recursos sexan precisos para que a persoa normalice a súa situación, informándolle de entidades ou servizos específicos que poden ofertarlle unha asesoramento máis especializado, ou derivándoos directamente a eles.

Debemos ter presente a importancia da nosa labor de intermediación laboral posto que o acceso ao emprego é unha das principais vías de garantía da igualdade de oportunidades, desenvolvemento persoal e participación social.


Itinerarios de Inserción


Non tódalas persoas que pasan polos servizos de orientación presentan as mesmas demandas e necesidades.

 


Os Itinerarios de Inserción constitúen unha fórmula que permite adaptar a cada persoa o proceso de orientación e traballar aqueles aspectos dirixidos a atender as necesidades e deseñar accións encamiñadas a dar cobertura ás mesmas.






Nun primeiro momento ou fase de acollida, é primordial establecer un vínculo xerador de confianza e traballar a motivación da persoa.

Na fase de diagnóstico detectamos as características persoais e aptitudes da persoa tendo en conta o grao de adaptación ás demandas do mercado laboral en función do posible obxectivo profesional, e deseñamos un conxunto de actuacións encamiñadas a solventar aqueles aspectos que poden dificultar a consecución destes obxectivos. Estas poden ser de carácter individual e grupal, segundo cada caso, que poden ser de habilidades, formativas ou de formación ocupacional, accións propias de busca activa de emprego, entre outras.

Unha vez elaborado este itinerario a seguir, expónselle á persoa o documento e logo consensúase con ela, asinando o compromiso que enmarcará a implicación de ámbalas dúas partes para a consecución dos obxectivos establecidos.

A fase de seguimento e acompañamento céntrase en valorar e avaliar aqueles aspectos do itinerario que se van realizando e o grao de implicación e desenvolvemento da persoa nos mesmos. Para elo son fundamentais as entrevistas periódicas para ir avaliando e detectando as dificultades que poidan ir xurdindo no proceso.


O peche do itinerario pode producirse pola consecución dos obxectivos ou parte dos obxectivos previstos ou por incumprimento por parte da persoa orientada dos acordos e compromisos adquiridos.


Procesos Individuais de Orientación

As entrevistas de orientación laboral son fundamentais, como xa se mencionou anteriormente para avaliar á persoa de xeito que poidamos facer un asesoramento adecuado á súa situación en concreto pero tamén constitúen unha forma de analizar á persoa orientada con respecto aos procesos de selección para posibles postos de traballo e determinar a adecuación como posible candidata.

Para elo dende os servizos de orientación debemos ter en conta os coñecementos e aptitudes da persoa pero tamén a motivación, o grao de compromiso e responsabiliade, dispoñibilidade e expectativas.


A persoa orientada debe aproveitar as entrevistas de orientación para aportar toda a información referente a aspectos de cualificación que posúe pero tamén aqueles outros que poden ser moi relevantes no momento de ser valorada como candidata para un proceso selectivo.

 


Análise de Perfís Profesionais e Prospección de Emprego


Coñecer o mercado de traballo e as característas dos perfís profesionais demandados é primordial para o asesoramento ás persoas que orientamos, para ofertarlle e informarlle das accións a levar a cabo e recursos adecuados a adaptar o seu perfil ás demandas das empresas.

En determinados casos a prospección empresarial axuda a dar visibilidade ao servizo e labor de orientación e ofertar á empresa persoas candidatas que se axusten ás necesidades que precisan cubrir. Tamén serían de interese para poder organizar algunha acción formativa con compromiso de contratación ou convenios de prácticas


É moi importante buscar e organizar de antemán a información sobre as empresas e actividades profesionais da contorna e preparar a información e o catálogo de servizos que ofertaremos a ditas empresas, pois boa parte do éxito da prospección reside na preparación previa.






Técnicas e Ferramentas para o Acceso ao Emprego e o Autoemprego

Coñecer as técnicas e ferramentas de busca de emprego é determinante para realizar un traballo de asesoramento coa persoa orientada. 
Ofrecer información sobre pautas axeitadas para elaboración dun currículo apropiado para o envío ás empresas e ofertas pode ser determinante na candidatura da persoa perante un proceso de selección.

Así mesmo a preparación e as técnicas de entrevista son aspectos esencias a traballar coas persoas que están a participar en procesos de selección ou están a facer unha busca activa de emprego. Preparar con elas as entrevistas e informarlle das pautas de comportamento e desenvolvemento durante a mesma permitirá ás persoas gañar confianza e defender a súa candidatura, aumentando así as posibilidades de ser seleccionadas para o posto de traballo.



Informar dos recursos e ampliación da rede de contactos e valorar o autoemprego coma unha alternativa cada vez máis viable para a volta ou inclusión no mercado de traballo forma parte das nosas funcións e debemos manternos ao día dos cambios e novas correntes que se están a producir.


O Plan de Empresa

Na situación do mercado laboral actual, con cada vez máis persoas desempregadas e menos ofertas de traballo, o autoemprego é a vía de saída profesional que un considerable número de persoas está a valorar.

Como profesionais da orientación laboral estámonos a atopar con situacións onde as persoas que acoden aos servizos de orientación nos demandan información sobre esta alternativa.
É preciso que coñezamos as características específicas do réxime de traballo por conta propia e das entidades e recursos e persoal técnico que temos onde ofertan un asesoramento profesional neste campo para derivar ás persoas interesadas.

No contexto de crise, a idea de comezar unha actividade emprendedora debe contar coas máximas garantías e o menor risco posible, polo que é preciso elaborar previamente un plan de empresa que analice en profundidade a idoneidade da nosa idea empresarial.






No hay comentarios:

Publicar un comentario