Getting Job

jueves, 13 de noviembre de 2014

EMPRENDENDO


EMPRENDENDO



Curioso mundo este do emprendemento! Por un lado temos todas as políticas de emprego que, en maior ou menor medida, todas elas te van dirixindo cara ao autoemprego como a solución a todos os teus males laborais. Por outro lado estamos a xente de a pé, xente que, se lle facemos caso ás anteriores políticas, practicamente todos somos posibles emprendedores, mentras non se demostre o contrario. 

Eu non podo deixar de pensar na xente da miña familia que montou empresas, que nun ou noutro momento da súa vida tivo que plantexarse o autoemprego como saída laboral e vital, que sen estudos, sen cartos, con fillos pequenos tivo que ter o arranque de organizar a súa vida partindo case da nada, dispoñendo de local pero tendo que pagar un crédito ao 14% de interese fixo. Os tempos cambiaron? Si, por suposto, nunhas cousas para mellor e noutras para peor. Pero os medos seguro que eran os mesmos.

Para este traballo decidín falar do emprendemento porque neste último mes cadrou que me viñeron a orientación laboral diferentes persoas que, polas súas circunstancias persoais, si se están a plantexar o autoemprego. E o certo é que foron casos que me deron que pensar. Vouvos contar as súas historias a ver se a vós tamén vos fan pensar un pouco neste mundo do emprendemento, tan bonito, tan fácil, con tanto apoio.



DARME DE ALTA? PARA QUE?


O primeiro caso que me fixo pensar foi o dun home de 48 anos, albanel de toda a vida, cunha rede de contactos en empresas e particulares moi moi amplo. Nas empresas non atopa traballo, en parte porque non hai e en parte porque seica con 48 anos xa é un pouco vello. Os particulares é outro mundo. É un bo albanel, rápido e limpo, todo o mundo o sabe, e por riba é barato. Bueno, barato non, que para o que paga xa se sabe que todo sempre é caro, pero si é moito máis barato que calquera empresa á que lle poidas pedir orzamento.

Desde que foi ao paro está a facer chapuzas a amigos, familiares, veciños, amigos de amigos, coñecidos… O boca a boca sempre funcionou e neste momento ten cuberto con “chapuzas” practicamente unha xornada de 40 horas semanais. E ganando cartos, desde logo máis que se estivera contratado con estes contratos cutres que che ofrecen agora.

Ten traballo, gana cartos, cada vez pídenlle máis orzamentos… pero non quere darse de alta en autónomos. Tería seguro? Si. Non tería que traballar ás agachadas e só facendo traballos de interior? Si. Non tería que ir pola noite coma os ladróns para que nono vexan? Tamén. Pero, para que pagar autónomos se total pagas e pagas e non che dan nada a cambio? Polo seguro? Se son autónomo vou traballar aínda que sexa a rastras. Pola pensión? Se ao final pagas toda a vida por unha pensión que non che dá nin para vivir.

E eu só podo pensar no meu irmán, o fontaneiro, pasándoas negras para pagar os autónomos, o aluguer, a luz, os impostos… mentras outros moitos fontaneiros están a traballar exactamente igual que este meu albanel, a metade de prezo, sen estrés ningún por ter que facer os pagos e, algúns incluso, compaxinando os ingresos extras co subsidio de desemprego. Algo terá que cambiar para que ao meu albanel lle resulte rentable darse de alta en autónomos, non? Ou será que é meu irmán o que vai ter que darse de baixa para traballar en negro?



QUE MONTO?


“Ola, veño aquí porque quero montar unha empresa e dixéronme que falara contigo para ver que monto”

Cara de parva que me quedou! Pero imaxinádevos que cara se vos poría a vós se a golpe de luns ás 9.30 da mañá vos entra pola porta unha muller á que non coñeces de nada, á que nunca viches na túa vida, decíndoche que qué negocio monta! Realmente déronme ganas de decirlle “señora, se o soubera xa o tería montado eu!”

Pois nada, que seica alguén lle dixo que viñera pola Casa da Cultura que seguro que lle podiamos decir que negocio podía montar en Brión que lle fora ben. Esto seguro que a Rappel non lle pasou nunca! Porque eu daquela non tiña aínda a man o enlace este das 300 ideas de negocio que poden ter éxito, que se non… xa lle solucionaba a vida á señora alí mesmo!



ONDE ESTÁS QUE NON TE VEXO


Esta moza que nos ocupa plantéxase o autoemprego como unha boa solución para poder compaxinar a vida laboral coa familiar. Ten unha nena de 3 anos que empeza este ano na escola e ela quere un traballo cun horario normal (oito horas, mañá e tarde ou xornada continua) para poder estar ca nena ou un traballo ao que poida levar á nena. Sempre lle gustou o autoemprego e agora si está moi animada. A súa idea é montar unha librería infantil con zona de ocio e obradoiros en Bertamiráns. Xa estivo mirando locais, facendo un pequeño estudo de mercado da zona, mirando a normativa, pero non sabe nin por onde empezar a facer o plan de empresa.

Alguén lle dixo que se achegara ao IGAPE pois alí é onde levan os programas de emprendemento, teñen unha liña de apoio ao emprendedor, titorización para a elaboración do plan de empresa…

E alá foi con toda a ilusión do mundo! Ilusión que lle durou como cinco minutos desde que pisou o edificio do IGAPE. Teñen apoio ao emprendedor, si, pero a través da web e para que te atendan tes que enviarlles xa o plan de empresa practicamente feito. Eles “corríxencho”, dinche que partes hai, perdón, tes que mellorar, a viabilidade bueno, haina que valorar… Axuda? Si ho! Por favor! Na mesma web tes un modelo de plan de empresa, as guías (un pouco antigas ao meu parecer), incluso ferramentas para ver se realmente tes o perfil dun bo emprendedor!

E coma un globo pinchado, así foi perdendo o aire a moza que quería montar unha librería infantil. Menos mal que nono perdeu de todo e segue coa idea a pesar do IGAPE!



E AGORA QUE?


Finalmente o caso que máis me fixo pensar. Veume haberá quince días unha rapaza a unha entrevista de orientación laboral que hai un ano decidiu que quería traballar para ela e montar un centro de apoio educativo.

Empezou a valora a idea, mirou a ver como estaba o mercado na comarca de Santiago, fixo o plan de empresa, neste momento xa ten apalabrado un local en Santa Marta (precioso, barato, nun barrio con proxección e practicamente preparado tendo que facer tan só algunha pequena reforma), con idea de abrir en xaneiro e incluso co que sempre din que é o máis difícil, o financiamento, xa arranxado para asinar cando ela queira.

E aquí vou facer unha breve paréntese. O financiamento. Difícil? Depende. Se tes unha casa, algo de cartos no banco e/ou alguén que te avale non tes problema ningún, crédito hipotecario ao 4% en 12 anos ou crédito personal ao 7/8% en 7/8 anos sen problema a asinar nunha semana. Créditos ICO? Bueeeeno! Podería ser pero obras non cubre e tes que solicitalo xa como empresa. Intereses? O ICO a un 6% e se tes o aval do IGAPE no ano seguinte a que che concedan o crédito pode baixarche o interese a un 4%. O mellor? Que teñas casa, algo de cartos ou un aval, coma sempre.

Volvendo á historia. Xa co plan de empresa, que sempre parece que cando tes o plan de empresa e é viable xa tes o negocio montado, co local e cos cartos, a dous meses da data de apertura que ela mesma se puxo como meta, neste momento está a valorar de novo se montar o negocio ou non. A razón: medo ao fracaso. Non tanto polo crédito, que non é pouco pero é asumible, senón a que a empresa non funcione, vaia mal e teña que pechar. Que fas ante isto?


Aaah! Por certo! Direivos que no banco en ningún momento lle pediron que levara o plan de empresa nin lle preguntaron pola viabilidade!

Se ao final, todo segue coma sempre e as condicións son igual de duras agora que cando a miña familia montou os seus negocios. Pero como eu digo, se miña nai sen estudos e con cinco fillos puido sacar adiante á familia e a tenda, que non imos poder facer nós?


No hay comentarios:

Publicar un comentario