O Curso de Posgrao de
Especialización en Orientación Laboral tivo como punto de partida
un achegamento ao marco conceptual referente á orientación laboral,
centrándose en varios temas fundamentais:
-O Marco de Referencia
da Orientación Laboral. As Políticas de emprego nacionais e
europeas vixentes e previstas para os vindeiros anos onde se enmarcan
as estratexias e os plans de emprego pensados para o aumento das
oportunidades laborais principalmente daquelas persoas con maior
dificultades de inserción. As políticas de emprego europeas marcan
as directrices a seguir e nas que se deben basear cada país para o
deseño das súas propias. Achegamento aos sistemas de emprego
existentes en España: o Servizo Público de Emprego e no caso da
nosa comunidade autónoma, o Servizo Galego de Colocación, que son
os encargados da xestión das políticas activas e pasivas de
emprego.
Para o ámbito da
orientación laboral é fundamental coñecer de primeira man as
estratexias e políticas de emprego que van rexir o mercado laboral
nos próximos anos tendo en conta que estas marcarán as directrices
a seguir ao persoal orientador.
-O Mercado Laboral,
que é e cales son os seus indicadores, os tipos de desemprego
existentes, así coma a situación actual: normativa, ocupacións e
novos xacementos de emprego e os perfís profesionais. Un apartado
importante adicouse ás ocupacións e fíxose fincapé nos
instrumentos e ferramentas para o estudo do mercado de traballo, como
son os observatorios (autonómico, estatal e europeo). Tamén se
explicaron as posibilidades de emprego ás que nos podemos acoller,
tanto por conta allea como por conta propia así coma a normativa e
apoios en cada unha das modalidades.
É fundamental, como
persoal do ámbito da orientación laboral, coñecer en profundidade
a situación do mercado laboral e as posibilidades e novas vías de
emprego, para poder ofrecer á persoa un asesoramento axeitado tendo
en a súa situación particular e do seu territorio.
-No referente á
Certificación e Formación Profesional traballouse sobre o
sistema de cualificacións profesionais con respecto ao Marco Europeo
das cualificacións, ao Sistema Nacional de Cualificacións e ao
Instituto Galego das Cualificacións e fíxose un achegamento ás
Competencias Profesionais e ao procedimento e requerimentos de
acreditación das mesmas así coma aos Certificados de
Profesionalidade e Formación para o Emprego.
Este é un aspecto
fundamental no desempeño da nosa profesión, tendo en conta as
necesidades de reciclaxe profesional das persoas en situación de
desemprego así coma a posibilidade de que moitas persoas con
coñementos adquiridos a través da experiencia teñan a oportunidade
dun recoñecemento de ditas competencias por medio dunha
acreditación.
-Achegamento á Política
Social e de Emprego na Unión Europea, as estratexias máis
recentes e as institucións e organismos comunitarios en materia de
emprego así coma os organismos actuantes. Información sobre os
fondos para o financiamento das políticas de emprego, como é o
Fondo Social Europeo e o Fondo Europeo de Adaptación á
Globalización. Políticas Activas e Pasivas de emprego na UE e en
España e explicación sobre o Programa Progress.
Unha parte importante
referiuse á mobilidade dos traballadores respecto a requisitos,
dereitos e normativa aplicable neste caso así coma as redes de
información que existen a nivel europea para informar e orientar ás
persoas interesadas en traballar nalgúns dos estados membros da
Unión Europea.
Na situación laboral
que atravesamos, cada vez máis persoas deciden buscar unha
oportunidade laboral fóra do noso territorio, polo que é necesario
ter un coñecemento das institucións, organismos, ferramentas e
recursos existentes para derivar á persoa aos mesmos e que poida
recibir un asesoramento axeitado antes de dar o paso. Hai que ter en
conta que os requisitos que marca cada país referente ás
necesidades e oportunidades que van ter as persoas procedentes doutro
estado son diferentes e é fundamental ter coñecemento de antemán
das oportunidades reais que podemos ter para minimizar o risco de
fracaso.
-A Iniciativa Emprendedora como forma de acceso ao mercado laboral. O
emprendemento e os beneficios sociais da creación de empresas e os
elementos esenciais no proceso de creación de empresas, como son a
idea, as características da persoa emprendedora e o plan de empresa.
Tamén fixemos unha aproximación aos contidos esenciais a ter en
conta á hora de deseñar un plan de empresa.
Unha oportunidade para
as persoas en situación de desemprego de retorno ao mercado de
traballo consitúea a posta en marcha dunha actividade emprendedora.
Coñecer as características do traballo por conta propia e da
creación de empresa así como da normativa e regulación ás que
deben someterse as persoas que opten por esta vía, os organismos e
recursos de apoio e asesoramento que existen ao respecto así como as
vías de financiamento para o emprendemento son esenciais para dar
resposta á demanda que as persoas nos transmiten. Así mesmo o
coñecemento do que é un plan de empresa e as pautas básicas para o
deseño do mesmo, apoian a nosa labor no asesoramento e orientación
á persoa que mostra interese nesta oportunidade de inserción
laboral.
Os aspectos traballados
neste primeiro módulo son fundamentais para ofrecer unha atención
de calidade ás persoas que temos no noso servizo sendo quen de
darlle resposta ás súas necesidades e demandas concretas. O
desenvolvemento da nosa profesión conleva unha aprendizaxe continua
e unha adaptación ás novas necesidades que o mercado laboral
demanda así coma as persoas que utilizan os servizos de orientación.
Coñecer en profundidade estas demandas repercutirá nunha mellora
sustancial da calidade do noso desempeño profesional.
No hay comentarios:
Publicar un comentario