Getting Job

jueves, 30 de octubre de 2014

Reflexión Persoal Módulo 2: O Marco Persoal



As características do orientador laboral, as súas principais funcións e a implementación das novas tecnoloxías no desenvolvemento da nosa profesión enmarcan os contidos deste segundo módulo.

Pretendeuse, deste xeito, achegarnos aos cometidos principais dos profesionais da orientación laboral, recalcando a importancia das habilidades sociais e comunicativas no desenvolvemento da nosa labor.
Intelixencia emocional, escoita activa, empatía, reforzo positivo etc, son competencias fundamentais que debe posuír un orientador laboral.



Tanto os aspectos relacionados coas funcións propias da orientación coma as competencias comunicativas e sociais do orientador son xa coñecidos para min a través da miña formación e da experiencia profesional dentro deste ámbito.

O máis relevante dentro do módulo foi o achegamento a diversas ferramentas e recursos tecnolóxicos que son de grande interese e utilidade para o desenvolvemento do noso traballo, e para o noso propio desenvolvemento profesional.

A revolución que está a producir o uso das novas tecnoloxías é tan profunda que toca tódolos ámbitos da nosa vida, non só a nivel persoal, senón tamén profesional. Temos que ser capaces de incorporar o uso das TIC ao ámbito da nosa profesión pois supón unha optimización e un valor engadido á nosa tarefa de orientación.

As persoas demandantes de emprego xa son en moitos casos usuarios destas ferramentas, e nós debemos ser quen de coñecelas en profundidade para poder orientalos co fin de que fagan un uso o máis apropiado posible para as súas necesidades. Así mesmo, aquelas persoas que acoden aos servizos de orientación e que non coñecen ou non están familiarizados con estas ferramentas, teñen en nós unha figura profesional que os pode guiar na utilización das mesmas.

Para min descubrir novas ferramentas 2.0 facilítame estar en contacto continuo coas novidades que se están a producir diariamente referidas ao meu traballo, pero optimizando o tempo e cun filtrado dos contidos que facilita o acceso a aqueles temas que son de maior interese en cada momento.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario